Risco de guerra na península coreana?

a) Introdución

O ataque con 200 proxectís realizado o martes 23 de novembro por parte das forzas armadas de Corea do Norte contra a illa surcoreana de Yeonpyenong, localizada no Mar Amarelo, na liña de delimitación entre ambas Coreas, con saldo preliminar de dous mortos e decenas de feridos, é o incidente militar máis grave na península coreana e no nordeste asiático dende o armisticio asinado por ambos países en 1953, que suspendeu as hostilidades iniciadas tres anos antes.

O exército de Corea do Sur respondeu ao ataque norcoreano con 80 descargas de artillería, establecendo o estado de alerta nacional ante a posible evacuación de civís desta illa, así como o despregue de cazas de combate na zona. Pola súa banda, EEUU, China, Xapón e Rusia iniciaron tamén urxentes tomas de contacto para evitar unha posible escalada bélica na península coreana.

Diversas variables complican a unha análise certeira sobre as causas deste ataque, que Pyongyang subscribe como resposta a unha previa ofensiva do Sur. Por unha banda, cabería destacar un posible pulso cara ao exterior por parte da cúpula militar norcoreana, fortalecendo o proceso de sucesión “dinástica” no réxime co ascenso ao poder de Kim Jong-un, un dos fillos do “Líder Máximo” Kim Jong-Il. En outubro pasado, unha sesión extraordinaria do Partido dos Traballadores, a primeira celebrada en 44 anos, oficializou esta sucesión.

Non obstante, existen outras variables que poden identificar unha nova acción disuasiva por parte de Pyongyang, especialmente de cara EEUU e a ONU. Un día antes deste ataque, un científico estadounidense, Siegfried S. Hecker, convidado polas autoridades norcoreanas a visitar Pyongyang, revelou a presunta existencia dunha “ultramoderna” central secreta de enriquecemento de uranio nese país. No momento do ataque atopábase en Beijing o emisario estadounidense para Corea do Norte, Stephen Bosworth, reiterando a postura de Washington de manter a suspensión das negociacións con Pyongyang en tanto o réxime norcoreano manteña en funcionamento a planta de enriquecemento de uranio.

Dun xeito indirecto, o ataque norcoreano pode tamén significar unha reacción contra o pacto estratéxico entre a OTAN e Rusia para o período 2010-2020, concretado no pasado Cumio de Lisboa (19-20 de novembro), en especial ante a aceptación rusa do despregue do polémico escudo antimísiles estadounidense, concibido para repeler as posibles ameazas nucleares de “terceiros países”, en especial de Corea do Norte e Irán. Esta posición de Moscova favorable ao escudo antimísiles suporía tamén un factor que, igualmente, explicaría a reacción de Pyongyang.

b) A “disuasión” de Pyongyang

As alertas para a seguridade global están actualmente centradas na península coreana, ante o incidente militar máis grave desde o armisticio de 1953, co ataque de Corea do Norte á illa surcoreana de Yeonpyenong, na zona de delimitación entre ambos países no Mar Amarelo.

Nos últimos meses apreciábase unha renovación das tensións entre Pyongyang e Seúl. En marzo pasado, o barco de guerra surcoreano Chenoan foi afundido preto do Mar Amarelo, coa morte dos seus 46 tripulantes. Aínda que Pyongyang negou a súa responsabilidade, unha investigación internacional, desautorizada por fontes rusas, determinou que o afundimento fora a causa dun torpedo norcoreano.

Se ben Pyongyang aínda non ofrece unha reacción oficial sobre as razóns deste ataque militar, o seu veciño Corea do Sur anunciou o seu inmediato estado de alerta nacional, co despregue de cazas militares e a posibilidade dunha evacuación masiva de civís da illa atacada. Os primeiros reportes informaron de dous mortos e decenas de feridos, así como numerosas casas e infraestruturas incendiadas por mor do ataque militar.

Este ataque militar desenvólvese nunha complexa conxuntura para Corea do Norte. En primeiro lugar, a máis que probable paralización do diálogo hexagonal que incluía ás dúas Coreas, EEUU, China, Rusia e Xapón, para dirimir unha posible “desnuclearización” da península coreana. A razón desta paralización das negociacións foi argumentada por Washington ante os reiterados esforzos de Pyongyang por acelerar o seu programa nuclear.

O pasado luns 22 de novembro, o diario estadounidense The New York Times publicaba unha entrevista co científico estadounidense Siegfried S. Hecker (Universidade de Standford), quen fora invitado polas autoridades norcoreanas a Pyongyang para verificar o estado do seu programa nuclear. Hecker asegurou a este medio estadounidense a existencia dunha planta secreta de enriquecemento de uranio, con “centenares de centrifugadoras” que lle darían capacidade a Pyongyang para construír maiores bombas nucleares de gran potencia e alcance.

Estas revelacións de Hecker supoñen un duro golpe para a estratexia de “disuasión diplomática” elaborada polo presidente Barack Obama, que moi probablemente obrigarán a un cambio urxente da súa estratexia internacional de desarme nuclear progresivo. Coa actual crise na península coreana, Washington deberá afinar unha nova estratexia con China para abrir os canais dunha mediación máis firme cara Pyongyang.

A Casa Branca reaccionou inmediatamente o martes 23, enviando a Beijing ao seu emisario para Corea do Norte, Stephen Bosworth, a fin de revisar esta estratexia. Precisamente, Bosworth atopábase na capital chinesa no momento do ataque norcoreano contra as illas Yeonpyenong, o cal incrementa as percepcións de que Pyongyang necesitaba realizar unha “acción de forza” inmediata ante a posible variación da estratexia de Washington, co posible beneplácito de China e Rusia.

Obviamente, débense considerar outros factores en clave interna que poderían levar a Pyongyang a realizar esta inesperada acción militar e de demostración de forza. A finais de setembro realizouse unha “conferencia extraordinaria” do Congreso do Partido dos Traballadores de Corea do Norte, máxima instancia dirixente deste país, na que practicamente oficializouse a sucesión no poder do actual “Líder Máximo” Kim Jong-Il (68 anos) a favor do seu fillo, Kim Jong-un (de aproximadamente 27 anos), así como unha secreta renovación no liderado dirixente do réxime comunista.

Esta foi a primeira “reunión extraordinaria” do partido desde 1966 e tamén a primeira reunión formal desde o seu VI Congreso en 1980. Polo tanto, e ante a paralización das negociacións por parte de Washington sobre a “desnuclearización” e pacificación na península coreana, a cúpula militar norcoreana ben podería considerar a posibilidade de recrear un escenario de forza e endurecemento da súa posición, ante a renovación dos seus cadros políticos dirixentes e ante o ascenso do “sucesor” Kim Jong-un.

Ofrecendo esta especie de “bautizo político de fogo” para Kim Jong-un, Pyongyang tamén envía unha clara mensaxe de fortaleza cara Washington, Beijing, Moscova e a ONU ante as recentes estratexias multilaterais en materia de desarme nuclear e pactos de seguridade global.

c) O Pacto OTAN-Rusia: outro factor clave?

Finalmente, restaría outra posibilidade, máis de carácter indirecto, que podería explicar as razóns do incidente militar norcoreano. O pacto entre a OTAN e Rusia no pasado Cumio de Lisboa, celebrado o 19 e 20 de novembro, onde se acordou unha histórica cooperación estratéxica no período 2010-2020 a través dunha ampliación do escudo antimísiles estadounidense, significaría un punto de inflexión potencialmente delicado para os intereses de Pyongyang.

Ademais de sinalar unha estratexia conxunta para a retirada militar da OTAN en Afganistán, a ratificación do Tratado de Desarme Nuclear START II, así como outras disposicións de cooperación ante ameazas de guerra cibernética, terrorismo internacional ou desastres naturais, o pacto estratéxico OTAN-Rusia contempla a ampliación do polémico escudo antimísiles estadounidenses, moi probablemente dentro do espazo ex soviético e de Asia Central, para repeler as ameazas nucleares de “terceiros actores” como Corea do Norte e Irán.

Este escenario variaría sensiblemente a ecuación militar norcoreana, debido a que Moscova constituía un dos principais avaliadores do seu programa nuclear, a pesar do distanciamento diplomático entre Moscova e Pyongyang dos últimos anos. Tralo ataque na illa Yeonpyenong, Moscova e Beijing advertiron inmediatamente sobre o risco dunha guerra a gran escala na península coreana, que involucraría directamente, nunha delicada ecuación militar no nordeste asiático, a EEUU, Rusia, China e Xapón.

A posibilidade de retorno ás negociacións multilaterais sobre o programa nuclear norcoreano son sensiblemente remotas ante a negativa de Washington a reinicialas tendo en conta as presuntas evidencias da mencionada planta secreta norcoreana de enriquecemento de uranio. Estas perspectivas se incrementarán tralo delicado incidente do ataque militar norcoreano contra a illa surcoreana, moi probablemente motivando a unha posible condena e incremento de sancións internacionais contra Pyongyang, por parte do Consello de Seguridade da ONU.

IGADI. 23 de novembro de 2010


23/11/2010 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/ipaper/054_risco_de_guerra_na_peninsula_coreana.htm

Entradas populares de este blog

ADIOS MADIBA