Chávez por decreto

Roberto Mansilla (A Nosa Terra, 31/12/2010)


Camiña Venezuela cara a ditadura? Esta é a perspectiva traducida ante a sucesión de críticas e temores suscitados en diversos sectores políticos e medios de comunicación venezolanos e estranxeiros, trala aprobación por vía lexislativa dunha Lei Habilitante que permitirá ao presidente Hugo Chávez gobernar por decreto durante 18 meses.

Esta é a terceira lei habilitante outorgada por vía lexislativa a Chávez desde que en 1999 chegara por vez primeira ao poder. Revestido de poderes absolutos, Chávez prepárase para un escenario de maior turbulencia, co horizonte centrado nos comicios presidenciais de 2012, onde aspira a unha nova reelección.

Non obstante, a conxuntura actual evidencia un mapa moito máis complexo para o presidente venezolano, convencido da necesidade de acelerar o proceso socialista a través dunha maior concentración de poder estatal, do incremento das expropiacións e da creación de órganos paralelos de “poder popular”. Este control complétase no eido informativo: a Asemblea Nacional acaba de aprobar unha Lei de Comunicación que dará “luz verde” ao goberno no control da Internet e doutros medios de comunicación.

Moi probablemente, o factor esencial que explica este “punto de non retorno” de Chávez cara unha maior concentración de poderes relaciónase cos resultados das eleccións lexislativas do pasado 26 de setembro. Tras boicotear as eleccións de 2005 e practicamente entregar o hemiciclo lexislativo ao “chavismo”, o revival da oposición ingresando na Asemblea Nacional no período 2011-2016, a través da Mesa de Unidade (MUD), obstaculizará a viabilidade do proxecto de Chávez e a hexemonía do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV), complicando as súas aspiracións electorais para 2012.

Esta presenza opositora na nova Asemblea Nacional que asumirá o próximo 5 de xaneiro de 2011 promete incrementar a presión política destinada a frear a marcha do modelo socialista de Chávez, en especial en materia económica e de creación de novos órganos de goberno como os “consellos comunais”. Chávez veríase así atrapado nunha complexa espiral, traducida na necesidade de consolidar a hexemonía do PSUV ante un poder lexislativo polarizado e díscolo.

Pode que a situación de emerxencia nacional traducida pola recente riada de chuvias en Venezuela, que deixaron un saldo aproximado de 39 mortos, explique a urxencia de Chávez por alcanzar unha Lei Habilitante, con claras perspectivas de asegurar espazos políticos ao seu favor de cara aos comicios de 2012. Igualmente, pode que diversos sectores do “chavismo” demandaran estas facultades de gobernar por decreto, para que así Chávez afronte a recta final do seu actual mandato con poderes absolutos e cunha Asemblea “testemuñal”, resentida na súa operatividade.

Non obstante, o escenario a curto e mediano prazo albíscase aínda máis turbulento. Milleiros de gandeiros e produtores agrícolas están incrementando as súas protestas e mobilizacións contra o goberno ante a vaga de expropiacións en estados politicamente estratéxicos como Zulia, o maior produtor petroleiro, actualmente gobernado pola oposición. A mobilización social e a recesión económica ameazan con incrementar unha maior confrontación política, na que se mediría un novo pulso para Chávez e a súa aínda sólida popularidade.

Se Chávez interpreta a Lei Habilitante como a lexitimación oficial dunha vertente autoritaria que practicamente descoñeza a separación de poderes, Venezuela mergullaríase nunha etapa de axitación social e posible violencia política dentro dun contexto de crise económica. Unha preocupante perspectiva que dificultará a estabilidade e saúde democrática dun país tensamente atomizado.


Roberto Mansilla Blanco, analista do Igadi.




31/12/2010 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2010/rm_chavez_por_decreto.htm

Entradas populares de este blog

ADIOS MADIBA